Saturday 11 de May de 2024

Inés Rey destaca o compromiso da cidade coa ciencia na apertura do congreso da ASEICA, un dos máis importantes do mundo sobre investigación oncolóxica


“Este congreso destaca o compromiso da comunidade científica coa procura de solucións para unha das enfermidades máis desafiantes do noso tempo”, sinalou a alcaldesa

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presidiu a inauguración do congreso ASEICA, da Asociación Española de Investigación contra o Cancro, que programa a súa 18 edición en ExpoCoruña, conmemorando o 40 aniversario da súa fundación. Trátase dun dos foros sobre a investigación oncolóxica máis relevantes a nivel mundial.

“O noso Concello sempre vai a apostar pola programación de grandes eventos profesionais na nosa cidade polo seu impacto económico, a visibilidade global que nos achega e o posicionamento da Coruña como unha cidade moderna, coa ciencia e a investigación no foco”, sinalou a alcaldesa durante o seu discurso. A rexedora eloxiou a gran cantidade de expertos de diferentes países que asisten a este congreso: “Este congreso destaca o compromiso continuo da comunidade científica coa busca de solucións para unha das enfermidades máis desafiantes do noso tempo”.

Durante os próximos días haberá diferentes conferencias, mesas redondas, “flash talks” ou un concurso fotográfico entre outras actividades onde o foco estará no desenvolvemento e innovación de técnicas de estudo e traballo en relación á detección precoz do cancro e os seus tratamentos. Máis de 500 profesionais e expertos participarán nesta edición do congreso ASEICA.